
Con motivo da celebración do seu 40 aniversario e entendéndoa como unha actividade estratéxica, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense asume a organización da 2ª Edición do Congreso Internacional de Xestión da Balneoterapia, en colaboración co Foro de Debate e Divulgación Científica Ágora Termal. Unha iniciativa que, aceptando o carácter multifuncional dos recursos termais, pretende conxugar e poñer en valor as diferentes potencialidades do seu aproveitamento sostible, sen perder de vista a esencialidade das aplicacións terapéuticas e a complementariedade entre usos.
Por tanto, cobra sentido situar no centro do debate, tanto académico como profesional, a visión holística que a conceptualización da saúde foi incorporando co paso do tempo. En particular, toda vez que a OMS a describe como “un estado de completo benestar físico, mental e social, e non só como a ausencia de afeccións ou enfermidades”. Un enfoque que se redimensiona no actual contexto de envellecemento poboacional e que outorga maior carta de natureza ao principio regulador do Sistema Nacional de Saúde español segundo o cal é preceptiva unha “atención integral, comprensiva tanto da promoción da saúde e da prevención da enfermidade como da curación e rehabilitación”. De aí que a potencial incorporación da hidroterapia á carteira de prestacións do noso SNS sexa un tema de plena vixencia no debate institucional que ben merece unha reflexión sosegada a nivel científico, financeiro e normativo.
Pero este novo marco de referencia formula retos de planificación e xestión, aos cales non son alleos nin os operadores do sector balneario, nin as institucións públicas. Neste sentido, a adaptación aos escenarios emerxentes requirirá a intensificación dos procesos de innovación e a posta en marcha de novos modelos de negocio, ao tempo que a dimensión territorial da actividade termal, dada a crise demográfica das áreas rurais, será un aspecto que destacar á hora de deseñar e implementar as pertinentes políticas gobernamentais. Hoxe máis ca nunca o partenariado entre axentes económicos privados e institucións públicas interprétase como un instrumento de concreción imprescindible á hora de abordar os desafíos aos que se enfronta o mundo termal.
Por tanto, o abano de cuestións abertas ao debate que nos ocupa móstrase amplo e suxestivo, polo que agardamos que sexa o suficientemente atractivo para espertar o interese da comunidade científica e profesional involucrada no devir da balneoterapia e da súa xestión.